O trato
Toda páxina que di onde hai ondas leva xente á costa. Esta tamén. Queremos traer visitas que deixen a praia e o pobo como os atoparon: aparcar con tino, non acampar no aparcadoiro, coidar dunas e auga, e tratar ben a quen vive aquí.
Así que o que segue é o que pedimos.
Non é etiqueta. Son regras concretas porque estes problemas xa pasaron nesta costa, e quen vive aquí págaos despois.
Pernoctar non é acampar
Durmir unha noite dentro do coche é unha cousa. Sacar o toldo, a mesa, as cadeiras, tender a roupa e quedar tres días é acampada libre, e é ilegal. Un vehículo pechado non molesta a ninguén. Un campamento si.
O aparcadoiro non é o teu campamento
O aparcadoiro da praia é para baixar á praia. A xente que vive aquí tamén quere aparcar para bañarse: se vés en furgo, non ocupes o mellor sitio toda a semana. E se o teu plan é bloquear o acceso á praia, encher o depósito nos grifos públicos e fregar os pratos nas fontes do pobo, mellor queda noutro sitio. A taxa de basura págase aquí todo o ano, e non é baixa.
As augas grises van ao punto limpo
Baleirar o depósito na cuneta, na area ou no rego non é unha opción. Empregade o punto limpo.
No monte / na duna non
Pa, bolsa e lévase. Sabedes do que falamos.
O lixo volve contigo
Un colector cheo non é un colector, e en agosto están cheos todos. Deixar a bolsa ao lado é deixala no chan cun paso intermedio.
Na duna non se aparca nin se pisa
Esa planta rastreira que parece nada é o que suxeita a praia. Onde se pisa, a area vaise, e detrás vaise a praia. Recupérase en décadas, se se recupera.
Conta as cabezas antes de entrar
Se chegas e ves moitas cabezas na auga, busca outro sitio. Hai costa de sobra. E mide o teu nivel con honestidade: meterte onde che queda grande non é só un risco para ti, é o que xera caos e o que acaba con alguén tendo que ir sacarte.
Saúda
Parece unha parvada e non o é. A diferenza entre «un de fóra» e «un que veu» adoita ser dicir bos días ao chegar ao aparcadoiro.
Porque a costa é finita e porque traer xente aquí obriga a dicir en que condicións.
Se algo sobra, falta ou non se cumpre, dinolo.